E Pessoa mergullouse aló
pra decatarse
E dixo aquele peso en mim - meu coração
E Lois Pereiro mergullouse
aló tamén pra decatarse
E dixo amarte, vida, amarte case sempre
Castel(a)os derrubados e
trobadores no desterro
Proclamas de paus na auga
que amosan revoltas
Fillo, fillo,
Xa nada se pode facer por nós en troques
Rosalía nai morriña
Semente que non dá
semente
Temores de cego cantigas
de amigo pobriños dos nenos
Xulgados polo sorriso
seguro tras do cigarro e os cartos
Mortos nos mortos cos
mortos nós mortos
Aínda algúns hai que percuran
nas ondas nas noites festivas
Nas ondas de radio nas
ondas do mar
Esas nídias brisas esa
quente caricia
Ou non.
Coñecemento é sobre
libertade e responsabilidade
Saudade da lenda saudade
da beleza
Da fenda limpa de
diamante ou riso dun minuto
Arrepíos no ferro e
ronseis varados
O arrecendo a herba e
alga e chuvia esquencerase
Soldados de cuspe lanzados
ás nosas bocas abertas
Presente a construirse
que ollarán como pasado
Contrapunto e metalinguaxe
O esplendor perante o
abismo no soto cos puños en alto
E Manoel Antonio embarcou
na alba para mergullarse tamén
Ventre de peixe espada de
aluminio luar como a tua pel hai uns días
E Rosalía nai morriña
saloucando aló baixo os salgueiros en flor
No hay comentarios:
Publicar un comentario